Friday 29 de March de 2024

O Concello da Pobra oferta un obradoiro dirixido a mulleres coidadoras de persoas dependentes


Mellora-la calidade de vida das mulleres que exercen de coidadoras de persoas dependentes. Este é o obxectivo marcado pola Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal co obradoiro Coidando as que coidan.

Con esta acción de balde preténdese previr e intervir na sobrecarga xerada por un labor que asumen maioritariamente as mulleres ao longo da historia e que pode acabar repercutindo negativamente na súa calidade de vida e na súa saúde, ademais de influír na calidade dos coidados que exercen.

Acompañada da axente de igualdade, Carolina Rodríguez, a edil Charo Varela (Nós Pobra) explica que se abordará “a problemática dende un punto de vista psicoeducativo e tendo en conta a realidade desas mulleres.”

O Servizo de Psicoloxía do Concello imparte este obradoiro aos luns ata o día 6 de marzo, en horario de 16.00 a 18.00 horas, nas dependencias dos Servizos Sociais e da Igualdade, fronte á casa consistorial.

Ofértanse 10 prazas. Máis información e inscricións no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal ou no teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.